Saturday 18 de May de 2024

Novo investimento para aforrar ata un 75% na subministración eléctrica


Concedida unha subvención de máis de 109.000 € para a instalación de luminarias LED de alta eficiencia, o cambio de brazos dos farois e para actualizar cadros eléctricos e adaptalos á normativa vixente

O Concello de Ordes continúa investindo en prol da eficiencia enerxética. Nesta ocasión o ámbito de actuación será no sistema de iluminación pública e sinalización exterior, o que suporá un aforro enerxético estimado do 75%.

De cara aos vindeiros meses está prevista a renovación parcial de 296 puntos exteriores de luz, substituíndo as luminarias actuais por outras tipo LED de alta eficiencia. Ademais tamén se cambiarán 278 brazos incorporando outros de aceiro galvanizado, así como a actualización de nove cadros de mando para adaptalos á normativa vixente. Estes cambios realizaranse tanto en puntos da vila como noutros situados no rural ordense.

Para executar todos estes cambios, orzamentados en algo máis de 136.500 €, o Concello contará cunha subvención de 109.343 € por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Unha achega dirixida a proxectos de ámbito local que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, en cuxo programa englóbanse tamén o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía e o Ministerio para a Transformación Ecolóxica.